Concello e Universdade da Coruña asinaron un convenio de colaboración para a creación do Laboratorio de Mobilidade Sustentable

Concello e Universdade da Coruña asinaron un convenio de colaboración para a creación do Laboratorio de Mobilidade Sustentable

A Coruña

Martes, 8 de Setembro de 2020

O Laboratorio de Mobilidade Sustentable estará dirixido por investigadores do Grupo de Ferrocarrís e Transportes da A-CITEEC

A Universidade da Coruña e o Concello da Coruña asinaron en María Pita dous convenios de colaboración, nun acto no que estiveron presentes o Ritor da UDC, Julio Abalde; a Alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada.

O primeiro dos convenios permitirá que un grupo de investigadores da UDC, liderado polo profesor Carlos Nárdiz da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, realice un estudo de reordenación da fachada portuaria interior, así como, segundo explicou a alcaldesa, defina as liñas estratéxicas para a reordenación a curto, medio e longo prazo deste espazo marítimo. O segundo dos convenios é para a creación dun Laboratorio de Mobilidade Sustentable, nun proxecto a cargo dos investigadores do Grupo de Ferrocarrís e Transportes da A-CITEEC, Margarita Novales Ordax e Alfonso Orro, no que se monitorizarán todos os datos dispoñibles sobre mobilidade da cidade e contorna metropolitana, para poder facer pronósticos e avaliar propostas de actuación.

Tanto a alcaldesa como o reitor destacaron a importancia da colaboración entre o Concello e a Universidade da Coruña para aportar solucións baseadas no coñecemento para mellorar aspectos da cidade. No primeiro dos convenios, a UDC aporta o seu coñecemento para o deseño da fachada marítima da cidade, mentres que no caso do segundo convenio o que se está a facer é crear novo coñecemento coa aparición do Laboratorio de Mobilidade Sustentable, resaltou Abalde.

Fonte: Universidade da Coruña