Ageinco e a A-CITEEC asinan un convenio de colaboración en materia de innovación e transformación dixital

Ageinco e a A-CITEEC asinan un convenio de colaboración en materia de innovación e transformación dixital

A-CITEEC

Xoves, 24 de Outubro de 2019

A Agrupación Estratéxica do CITEEC e Ageinco colaborarán en materia de innovación e transformación dixital do tecido industrial galego

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o presidente da Asociación Gallega de Empresas de Ingeniería, Consultoría y Servicios Tecnológicos (Ageinco), Daniel Prieto, asinaron esta mañá na Reitoría un convenio de colaboración en proxectos estratéxicos de I+D+i entre esta entidade e a Agrupación Estratéxica do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (A-CITEEC).

O acordo estipula a cooperación en materia de innovación no máis amplo sentido, facilitando a colaboración entre ambas as dúas institucións. Entre outras actuacións, o convenio permitirá a participación conxunta en proxectos de I+D+i, así como a cooperación en materia de servizos tecnolóxicos e de transición e implementación á industria 4.0 coa transformación dixital do tecido industrial.

Ao acto de firma do convenio asistiron o director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, Ignacio Colominas, o subdirector, José París, e o coordinador do CITEEC, Juan Rabuñal, ademais dunha nutrida representación de investigadores como Fermín Navarrina e Fernando Martínez Abella.

A-CITEEC é unha agrupación estratéxica do Sistema Universitario Galego, organizada pola UDC e recoñecida pola Xunta de Galicia, que está dirixida polo profesor da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, Jerónimo Puertas. Está formada por oito grupos de investigación que desenvolven a súa actividade investigadora no Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil. A súa finalidade é mellorar e intensificar a investigación e a transferencia de coñecemento no ámbito da enxeñaría e a edificación sustentable para fomentar o benestar das persoas e o desenvolvemento económico. Entre os seus obxectivos atópanse a xeración de novas oportunidades de investigación e transferencia, a mellora da competitividade, a obtención de impacto social e ambiental e o impulso da cooperación nacional e internacional.