A Xunta e a Universidade da Coruña asinan o convenio de cooperación ‘AquaMoz’

A Xunta e a Universidade da Coruña asinan o convenio de cooperación 'AquaMoz'

A-CITEEC

Xoves, 03 de Outubro de 2019

A Xunta de Galicia e a Universidade da Coruña asinan o convenio para desenvolver o proxecto de cooperación ‘AquaMoz’ para mellorar a xestión das inundacións e as secas en Mozambique

Investigadores do Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA), pertencente á Agrupación Estratéxica do CITEEC da Universidade da Coruña, desenvolverán un proxecto de cooperación en Mozambique vinculado á prevención de inundacións e xestión de secas.

Este proxecto, denominado “AquaMoz” farase coa colaboración da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, grazas a un convenio asinado a pasada semana entre a Xunta e a UDC. A Xunta aportará 175.000 euros que permitirá o emprego de tecnoloxías e metodoloxías que se adapten á realidade do país africano co obxectivo de mellorar o control dos eventos de seca. A colaboración entre ambas entidades posibilitará desenvolver un plan de acción que fortaleza á administración de augas da rexión sur de Mozambique que, en fases posteriores, poderá estenderse a outras zonas do país.

Ao acto de firma do convenio asistiron o reitor, Julio Abalde, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, o presidente do Padroado da Fundación da Universidade da Coruña, José María Barja, o profesor da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, responsable do proxecto, Jerónimo Puertas, así como o subdirector da Escola, José París.

O acordo conta cun orzamento de 175.000 euros que permitirá o emprego de tecnoloxías e metodoloxías que se adapten á realidade do país africano co obxectivo de mellorar o control dos eventos de seca. A conselleira indicou que este traballo conxunto coas institucións con competencia na xestión de recursos hídricos de Galicia e Mozambique permitiu ter un profundo coñecemento da problemática da xestión da auga no país africano, convertendo á Administración autonómica nun importante axente de cooperación internacional. Concretou que esta iniciativa tamén amosa que este modelo de cooperación vinculado á xestión da auga é exportable a países en desenvolvemento. Engadiu que tamén se reforza o compromiso da Xunta para a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 relacionados coa auga.