Reunión do equipo reitoral da Universidade da Coruña no CITEEC

Reunión do equipo reitoral da Universidade da Coruña no CITEEC

A-CITEEC

Martes, 24 de Setembro de 2019

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e membros do seu equipo de goberno mantiveron onte unha reunión de traballo de inicio de curso, como vén sendo habitual nos últimos anos, cos decanos, directores de escolas e de centros de investigación así como cos coordinadores dos campus de especialización.

Así como o curso pasado a reunión comezou cunha visita ao Centro de Investigacións Tecnolóxicas, nesta ocasión os asistentes coñeceron os laboratorios do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil. O CITEEC ten como obxectivo mellorar a investigación e o estudo no ámbito da construción, na súa vertente de edificación e de enxeñaría civil, desde a óptica da análise experimental. Dispón de dez laboratorios, algún deles de recente creación como o Laboratorio de Enxeñaría Sanitaria e Ambiental no que ten a súa sede a Cátedra Emalcsa, nos que se realiza investigación básica e aplicada e desde os que se ofrece asesoramento especializado a empresas do sector da construción.

O CITEEC posúe infraestruturas singulares capaces de experimentar ensaios de gran envergadura, ao nivel dos centros máis avanzados do mundo. En novembro de 2018, este centro conseguiu unha Agrupación Estratéxica de Enxeñería Civil e Edificación, coa que está a traballar para mellorar e intensificar a investigación e transferencia de coñecemento nos campos da edificación e da enxeñaría civil desde un punto de vista sustentable. Na visita de onte, coordinadores dos laboratorios e investigadores principais explicaron aos directivos da Universidades varios dos proxectos nos que están a traballar.

Despois do interesante percorrido, organizouse unha sesión de traballo en que o Adxunto do Reitor para TIC, Carlos Escudero, explicou todos os servizos TIC que ofrece a Universidade á comunidade académica, así como o portal de Axuda TIC para centralizar e resolver todas as cuestións relacionadas con este ámbito. Escudero adiantou tamén algúns dos proxectos e melloras nos que traballa o Servizo de Informática e respondeu ás preguntas técnicas dos presentes.

O reitor rematou o encontro agradecendo o traballo de toda a comunidade universitaria que está a permitir que a Universidade da Coruña progrese en diversos indicadores, como o de investigación, que fai que mellore tamén a imaxe que da UDC se proxecta. Abalde emprazou aos directivos ao acto de apertura do curso do Sistema Universitario Español o vindeiro luns baixo a presidencia do Rei e coa asistencia do ministro de Ciencia, Innovación y Universidades, Pedro Duque, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e numerosas autoridades académicas, civís e militares, que se celebra na Maestranza a petición da Universidade da Coruña ante a CRUE.