Investigadores do GEAMA buscarán solucións á depuración das augas no rural de Galicia

Investigadores do GEAMA buscarán solucións á depuración das augas no rural de Galicia

GALICIA

Martes, 23 de Xullo de 2019

Firma convenio de colaboración GEAMA, UDC e Xunta de Galicia

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinaron esta mañá na Reitoría un convenio de colaboración para que investigadores do Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medioambiente (GEAMA), adscrito ao Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), analicen sistemas de depuración das augas para o rural galego.

Consellería e Universidade financiarán con 250.000 euros este proxecto a dous anos, no que a Xunta aporta o 70% dos fondos, e nese tempo os investigadores, docentes da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, buscarán solucións para facer un saneamento sustentable dos núcelos rurais que eviten, segundo destacou Ethel Vázquez, quilómetros de colectores para chegar a un punto de depuración. Os investigadores da UDC teñen como obxectivo a busca de solucións específicas, adaptadas á distinta orografía galega e ás necesidades dunha poboación rural que se caracteriza pola súa dispersión. Como explicou o reitor, este convenio investigará sistemas novos baseados no coñecemento dos investigadores do Geama que contan cunha relevante traxectoria investigadora recoñecida a nivel nacional e internacional. Servirá ademais, para axudar a cumprir os obxectivos da Axenda 2030 posto que contribuirá a mellorar o contorno ambiental.

No acto de firma desta mañá estaban presentes tamén o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, e o subdirector da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, José París.

Fonte: Universidade da Coruña