Visita dos representantes das asociacións empresariais ao CITEEC

Visita dos representantes das asociacións empresariais ao CITEEC

A CORUÑA

Martes, 25 de Xuño de 2019

O pasado día 21 de xuño representantes de Asociacións Empresariais da Área Metropolitana da Coruña fixeron unha visita guiada ás instalacións do CITEEC da Universidade da Coruña, organizada conxuntamente pola OTRI e o CITEEC.

Ao longo da actividade, que contou coa presenza do Vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, os convidados tiveron ocasión de coñecer as instalacións e infraestruturas coas que conta o centro, punteiras a nivel internacional, da man dos responsables do Centro e a súa Agrupación Estratéxica, así como dos coordinadores de varios grupos de investigación adscritos ao CITEEC.

O obxectivo da visita era dar a coñecer entre a representación das asociacións empresariais as liñas de investigación e a carteira de servizos e oportunidades de colaboracións existentes cos grupos de investigación activos no Centro, co coñecemento de casos de éxito, e coa idea de que os representantes das organizacións presentes poidan trasladar a existencia destas posibilidades ás súas empresas asociadas.

Participaron na visita representantes da CEC Confederación de Empresarios da Coruña, Comunidad de Propietarios do Polígono de Pocomaco, AEPI Asociación de Empresarios do Polígono Industrial de Sabón, Comunidad de Propietarios do Polígono de Bergondo, AECO Asociación de Empresarias de A Coruña, Unión de Cooperativas Espazo Coop, AJE Coruña Asociación de Jóvenes Empresarios de A Coruña, así como de varias empresas do ámbito da Edificación, Fabricación, Calidade, Enxeñaría e Obra Civil.

Desde a súa creación, o CITEEC é un centro referencial na colaboración cos sectores empresariais das súas áreas de actividade, posuíndo unha extensa traxectoria de transferencia e innovación e posicionándose como un instrumento destacado para achega de valor engadido ao tecido empresarial, cunha clara orientación á contribuír na mellora e optimización da súa competitividade.

Esta acción está aliñada co obxectivo estratéxico da UDC de profundización na interacción Universidade-Empresa que vén desenvolvendo a Vicerreitoría de Política Científica, Investigación e Transferencia a través da OTRI, e pretende crear espazos para o encontro e a colaboración entre ambas realidades para lograr un impacto na sociedade.