O IES Terra de Trasancos de Narón, gañador da Fase Galega da II Olimpíada de Enxeñería de Camiños

O IES Terra de Trasancos de Narón, gañador da Fase Galega da II Olimpíada de Enxeñería de Camiños

GALICIA

Luns, 13 de Maio de 2019

O pasado venres 10 de maio tivo lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos a fase galega da II Olimpíada de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos. Esta competición, que se celebra a escala nacional, está dirixida a estudantes de 1º e 2º de ESO e conta en Galicia co patrocinio da Universidade da Coruña, o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia e a Agrupación Estratéxica CITEEC. O obxectivo do concurso é promover a enxeñería de camiños, canais e portos entre os estudantes de secundaria e fomentar o seu achegamento á universidade.

O gañador de esta edición foi o equipo Enxeñeiros de Trasancos, do IES Terra de Trasancos (Narón), composto por Sergio Beceiro, Andrea Ruíz, Pablo Filgueira, Rosalía Baptista e Álvaro Gómez e dirixido pola profesora Olga Martínez. En segundo lugar situouse o CPR Nuestra Señora del Carmen, de Betanzos, e en terceiro lugar, o IES Agra do Orzán, de A Coruña. Participaron tamén o IES María Casares (Oleiros), o IES Monte das Moas (A Coruña) e o CPR Liceo La Paz (A Coruña).

Cada un dos centros de secundaria pasou a mañá nas instalacións da ETSE de Camiños no Campus de Elviña resolvendo una serie de probas de enxeño e creatividade relacionadas con diferentes problemas de enxeñería nun tempo limitado: construír un arco de dovelas, montar unha ponte de Da Vinci, deseñar e construír un dique de materiais soltos, resolver quebracabezas de gran tamaño, alcanzar a máxima altura posible con unha torre de latas de refresco e superar unha serie de desafíos nun videoxogo de construción.

Durante a celebración das probas contouse ca presencia de Ethel Vázquez, Conselleira de Infraestruturas, enxeñeira de camiños e antiga alumna da Escola; Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña, e Salvador Naya, vicerreitor de investigación. A entrega de premios realizárona o propio reitor e José París, director en funcións da ETSE de Camiños.

O equipo gañador viaxará á fase nacional, que terá lugar en Granada o 31 de maio de 2019, con todos os gastos costeados pola organización. A fase nacional conta co patrocinio da Fundación Española para la Ciencia y Tecnología (FECYT) e o Colegio de Ingenieros de Caminos, Canales y Puertos de España.

Vídeo resumo: https://www.youtube.com/watch?v=0r-XFbYqRUM