Olimpíada de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos

O vindeiro 10 de maio terá lugar a Olimpíada de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos na propia Escola de Enxeñería de Camiños da UDC. Este concurso vai dirixido a estudantes de primeiro e segundo curso da ESO e consistirá en superar seis probas relacionadas coa Enxeñería Civil nas que se comprobará a capacidade de resposta rápida e intuitiva por parte dos grupos de estudantes traballando en equipo.

  • Proba 1: Enxeñería de construción. “Arco de dovelas”
  • Proba 2: Enxeñería de estruturas. “Ponte de Da Vinci”
  • Proba 3: Enxeñería hidráulica. “Presa-Dique”
  • Proba 4: Enxeñería gráfica. “A Enxeñería de Camiños e as súas Obras”
  • Proba 5: “ReLATIcicla”
  • Proba 6: Proxecto asistido por ordenador. “Xogando a ser enxeñeir@”

As probas teñen distintos grados de dificultade que permitirán coñecer moi ben os papeis de mando entre os/as participantes, a súa actitude ante un problema, a capacidade de traballo en equipo ou a adaptación a medios e ferramentas de traballo limitados.

Os equipos estarán formados por 5 estudantes e liderados por un/unha docente do centro ao cal representen. A inscrición realizarase cubrindo o anexo III das bases e enviándoo antes do 6 de maio de 2019 á atención da Dirección da ETSE Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña a través do correo electrónico sdireccion.etseccp@udc.es.

O equipo vencedor desta fase local terá como premio a viaxe e os gastos de aloxamento e de manutención á Olimpíada Nacional de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos que se celebrará na Universidade de Granada o vindeiro 31 de maio e, ademais, unha calculadora científica para cada integrante.

Bases da Olimpíada: http://caminos.udc.es/files/olimpiadas2019.pdf