UDC e Autoridade Portuaria asinan un convenio para desenvolver un modelo que aportará a máxima fiabilidade na planificación de operacións portuarias

UDC e Autoridade Portuaria asinan un convenio para desenvolver un modelo que aportará a máxima fiabilidade na planificación de operacións portuarias

GALICIA

Venres, 3 de Maio de 2019

O presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Enrique Losada, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinaron hoxe un convenio de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, que permitirá o desenvolvemento de ferramentas de predición e toma de decisións na operatividade portuaria e a súa aplicación no Porto da Coruña.

Este proxecto de transferencia de tecnoloxía consiste no desenvolvemento dun sistema de integración de todas as variables que afectan á operativa portuaria, co obxectivo de perfeccionar a seguridade e a eficiencia nas operacións, tanto dentro do porto interior, na terminal petroleira, como no Porto Exterior en Punta Langosteira.

O convenio ten unha vixencia de dous anos, ata o 31 de xuño de 2021, con posibilidade de prórrogas, e para o seu desenvolvemento a Autoridade Portuaria destinará unha aportación económica de 300.000 euros. Da súa execución encargarase o Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente da Universidade da Coruña, coordinado polo profesor Enrique Peña, que xa vén colaborando co Porto da Coruña noutros estudos técnicos.

Na actualidade, a Autoridade Portuaria e os operadores xa traballan con previsións metereolóxicas e estudos sobre o comportamento dos buques, e grazas ao desenvolvemento deste convenio esas variables integraranse nunha ferramenta integrada que combinará todos os datos e casuísticas, partindo da análise de factores como a influencia do clima marítimo nos buques, tipoloxía dos amarres ou a operativa de carga e descarga.

O presidente da Autoridade Portuaria indicou tras a firma que o convenio permitirá desenvolver un proxecto de enorme interese para o Porto, xa que suporá un grande avance na eficiencia na toma de decisións, como é o caso da disposición dos amarres ou a manobra de carga e descarga. Enrique Losada lembrou neste sentido que a operatividade do Porto Exterior é “magnífica, practicamente do 100%”, o que se debe en gran medida ao contradique, co que se conseguiu o obxectivo de conformar unha dársena abrigada.

Enrique Losada sinalou que a seguridade que ofrece Punta Langosteira permitiu que exerza como refuxio para buques en situacións complicadas, ademais de demostrar unhas condicions óptimas para operacións de moi distinta natureza en calquera situación meteorolóxica, mesmo con estibas de gran complexidade como o movimento de grandes estruturas. Desde a súa posta en servizo en 2012, o Porto Exterior albergou xa o atraque de 750 buques, que moveron máis de oito millóns de toneladas de mercadorías.

Pola súa parte, o reitor, Julio Abalde, agradeceu á Autoridade Portuaria a súa confianza na universidade coruñesa e no talento dos seus investigadores, “para levar a cabo este proxecto de investigación que axudará no proceso de mellora da operatividade do porto, de forma que sexa máis efectivo e eficiente como xa o está demostrando”. Destacou que o proxecto inclúe unha modelización “con datos en tempo real, o que permitirá unha interacción directa sobre a evolución do porto”.

Fonte: Universidade da Coruña. Gabinete de comunicación.