A Universidade da Coruña logra dúas agrupacións estratéxicas cunha dotación económica de preto dun millón de euros

A Universidade da Coruña logra dúas agrupacións estratéxicas
cunha dotación económica de preto dun millón de euros

GALICIA

A Coruña, 9 de novembro de 2018

A Universidade da Coruña conseguiu a creación dunha nova agrupación estratéxica de Enxeñería Civil e Edificación (CITEEC) e  revalidou a agrupación CICA (Centro de Investigacións Científicas Avanzadas)-INIBIC creada ao abeiro da convocatoria de 2015.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se conceden axudas para a mellora, creación, recoñecemento e estruturación de agrupacións estratéxicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

O obxectivo é dotar o sistema da capacidade de liderado, estabilidade e dimensión necesaria en liñas ou áreas de investigación a longo prazo, centradas en áreas prioritarias para a Comunidade Autónoma, así como potenciar a integración e sinerxías dos proxectos científicos que se desenvolvan.

A agrupación de Enxeñería Civil e Edificación (CITEEC) acadou unha axuda de 400.000 euros coa que se traballará para mellorar e intensificar a investigación e transferencia de coñecemento nos campos da edificación e da enxeñaría civil desde un punto de vista sustentable. Os seus oito grupos de investigación tratan áreas de preservación e mellora do medio ambiente, adaptación ao cambio climático e global, xestión sustentable de recursos hídricos e enerxéticos, mobilidade sustentable ou deseño, desenvolvemento e monitorización de materiais, procesos e construcións que resulten seguras, duradeiras e sustentables; entre outras.

Respecto da agrupación CICA-INIBIC, creada ao abeiro da convocatoria de 2015, revalida a súa axuda dispoñendo de 545.516 euros que serán destinados a apoiar o programa de accións relacionadas coa axenda científica da agrupación, o fortalecemento da súa estrutura interna e o fomento da súa proxección cara ao exterior, a integración e o fortalecemento de sinerxías para unha mellor consecución dos seus fins.

CICA-INIBIC xurdiu para formalizar unha relación profesional entre os grupos das áreas de Química e Bioloxía da UDC e do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC). Búscase así desenvolver unha axenda científica común centrada en resolver retos sociais no ámbito da Bioloxía, a Química e as Ciencias da Saúde. Na actualidade está composta por 24 grupos, que teñen como áreas de investigación a prevención de enfermidades mediante a mellora da alimentación, o estudo de factores ambientais e contaminantes que inciden na saúde, a análise de novos axentes para diagnose e terapia, a aplicación de ferramentas TIC e biotecnolóxicas e o desenvolvemento de técnicas, nanomateriais e biomoléculas con aplicación na medicina.