Xornadas sobre a xestión de augas pluviais mediante sistemas de drenaxe urbana sustentable

Os vindeiros 19 e 20 de setembro, na sede da Fundación Paideia Galiza, celebraranse as xornadas “Retos da xestión de augas pluviais mediante sistemas de drenaxe urbana sustentable SUDS“, organizadas pola Cátedra EMALCSA-UDC e a Agrupación Estratéxica CITEEC en colaboración co Campus de Sustentabilidade da Universidade da Coruña.

Un dos avances máis significativos nas últimas décadas foi o cambio de paradigma sobre a xestión das augas pluviais no medio urbano. Os novos enfoques e estratexias de desenvolvemento urbano sensible á auga, que buscan a resiliencia, a sustentabilidade e a aplicación de solucións baseadas na natureza para mellorar a calidade de vida dos cidadáns, a preservación do medio natural e a adaptación ao cambio climático, atoparon un aliado nos SUDS.

Estas xornadas configuráronse tratando de presentar e avanzar tanto na parte conceptual e teórica dos SUDS como na parte práctica, e por iso convidouse a expertos de toda España co fin de que nos presenten os seus coñecementos e experiencias.

O prazo de inscrición abrirase dende o 5 ao 15 de setembro, a través da páxina web da Cátedra EMALCSA-UDC, implicará un custo de 100€ de matrícula ordinaria e de 25€ para estudantes. (Aforo limitado, admisión por rigorosa orde de pago)

Inscrición

Tríptico das Xornadas