O Ministerio de Ciencia e Innovación financia con 3,6 M€ a 35 proxectos de investigación da Universidade da Coruña

O Ministerio de Ciencia e Innovación financia con 3,6 M€ a 35 proxectos de investigación da Universidade da Coruña

A-CITEEC

Luns, 7 de Setembro de 2020

A Agrupación Estratéxica CITEEC recibe 4 proxectos nacionais dos 35 financiados á Universidade da Coruña

Un total de 35 proxectos de investigación da Universidade da Coruña acaban de obter financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación por un importe global de 3.642.584 euros para desenvolver os seus estudos nos próximos anos.

“A investigación, xunto coa docencia, son as dúas misións fundamentais da universidade pública. Na Universidade da Coruña apostamos claramente, como unha das misións, pola investigación de calidade. Entre os obxectivos está o de fomentar a creación e desenvolvemento de grupos de investigación básica e aplicada que contribúan ao progreso científico, tecnolóxico, económico e social. Unha das formas que contamos para esta misión é a participación en proxectos competitivos, como son os de do plan nacional que periodicamente convoca o Ministerio de Ciencia”, valorou o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya.

A convocatoria do Ministerio establece dúas categorías: Xeración de coñecemento e Retos investigación. Os proxectos da modalidade de Xeración de coñecemento, sen orientación temática previamente establecida, segundo se explica na convocatoria oficial, están motivados pola curiosidade científica e teñen como obxectivo primordial o avance do coñecemento, independentemente do horizonte temporal e do ámbito de aplicación do mesmo. Nesta categoría, a Universidade da Coruña obtivo apoio para 15 proxectos; mentres que a modalidade Retos investigación, na que se financian 20 proxectos da UDC, está orientada á resolución de problemas vinculados aos oito grandes retos da sociedade incluídos no Plan Estatal.

Nesta última convocatoria, a UDC vén de acadar a maior subvención en proxectos competitivos, aumentando en preto de 1,5 millóns de euros o financiamento conseguido na convocatoria de 2018, a anterior a esta, e duplicando a subvención acadada no ano 2015. Ademais, coas axudas desta edición serán financiados nove novos contratos de predoutoramento asociados a estes proxectos e dous contratos de novos investigadores para postdoutoramento. “É un fito que recoñece o excelente labor que están a desenvolver os nosos investigadores e grupos de investigación, co apoio tamén dos centros” destaca o vicerreitor Salvador Naya.

A Agrupación Estratéxica CITEEC recibiu 4 proxectos do total; 1 na categoría de Xeración de coñecemento e 3 na de Retos de investigación.

Xeración de coñecemento:

  • Investigador principal: José Ángel Jurado Albarracín. Título do Proxecto: Optimización de forma e análise de seguridade computacional e aeroestrutural de taboleiros de pontes de cables de gran van considerando múltiples fenómenos aeroelásticos

Retos de investigación:

  •  Investigador principal: Jacobo Díaz García. Título do Proxecto: Optimización probabilista fronte a impacto e tolerante a danos de estruturas de fuselaxe de nova xeración.
  •  Investigador principal: Francisco Javier Estévez Cimadevila. Título do Proxecto: Forxados alveolares mixtos madeira-formigón de altas prestacións para unha construción sustentable e ecoeficiente.
  • Investigadora principal: Ana María Rodríguez Pasandín. Título do Proxecto: Emprego de biopolímeros procedentes de refugallos da industria madeireira para a fabricación de mesturas bituminosas sustentables.

 

Fonte: Universidade da Coruña