Fernando Martinez Abella galardoado ca Medalla ao Mérito Profesional do CICCP

Fernando Martinez Abella galardoado ca Medalla ao Mérito Profesional do CICCP

A-CITEEC

Venres, 3 de Xullo de 2020

O Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos distingue a Fernando Martínez Abella ca Medalla ao Mérito Profesional

Fernando Martínez Abella foi galardoado ca Medalla ao Mérito Profesional do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos. Esta distinción foi concedida a proposta da Demarcación Galega do Colexio.

Fernando é profesor da Universidade da Coruña (UDC) dende outubro de 1994. Un ano máis tarde gañou o concurso de Profesor Titular de Universidade e en 2003 obtivo o posto de Catedrático de Universidade. Ademais, desempeña a súa labor investigadora nos ámbitos da enxeñería da construción e a tecnoloxía dos materiais e as estruturas. É unha autoridade internacionalmente recoñecida no estudo do formigón estrutural, na utilización de formigóns de altas prestacións , e na construción sustentable de estruturas utilizando áridos reciclados, outros residuos e materiais non convencionais.

A súa carreira investigadora é moi extensa. Participou en máis de 30 proxectos de investigación financiados polo Goberno ou a Xunta de Galicia, a metade dos mesmos como investigador principal e unha decena coordinados con diversos grupos de investigación españois. Desenvolveu máis de 80 proxectos de transferencia tecnolóxica con empresas ou institucións nos ámbitos de investigación xa comentados. Coordina o grupo de investigación Grupo de Construción (gCons) da UDC, formado por máis de 15 invetigadores/as, recoñecido como grupo de referencia competitiva pola Xunta de Galicia. Tamén impulsa e xestiona o Laboratorio de Construción do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC) dende a súa creación, e dirixe o Comité Científico da Agrupación Estratéxica CITEEC.

Fontes: CICCP de Galicia