O GMNI lidera un proxecto de investigación sobre o Covid-19 seleccionado polo Instituto Carlos III

O GMNI liderará un proxecto de investigación sobre o Covid-19 seleccionado polo Instituto Carlos III

A-CITEEC

Xoves, 14 de Maio de 2020

O profesor Fermín Navarrina lidera o estudo no que participan máis profesionais de universidades españolas, europeas e estadunidenses

O profesor Fermín Navarrina, do Grupo de Métodos Numéricos en Enxeñería, da Agrupación Estratéxica CITEEC, lidera un proxecto sobre o covid-19 que foi seleccionado polo Instituto da Saúde Carlos III no marco da convocatoria especial para financiar estudos sobre o virus. O proxecto conta con un presuposto de 59,250 euros e unha duración prevista dun ano e nel participan investigadores da ETSE de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña e da Universidade Politénica de Madrid, da Universidade de Viena e das universidades estadunidenses de Michigan e Purdue.

Segundo explica Navarrina no artigo de La Voz de Galicia, «unha das posibles estratexias para a eliminación do virus é tentar destruír as cápsides dos virións. Se isto se consegue, o material xenético do virus perderá a capacidade de introducirse nas células sas e, ao quedar exposto e sen protección fronte á agresión ambiental, degradarase paulatinamente. A infección, polo tanto, detense».  O virión, que é como se denomina á partícula completa do virus, é unha cápsula, denominada cápside, en cuxo interior se atopa o seu material xenético.

O obxectivo deste proxecto de investigación, concreta o profesor, é realizar unha análise dinámica estrutural da cápside do virus, co fin de obter as frecuencias propias de vibración. Para iso desenvolverase un modelo numérico específico e os cálculos permitirán identificar as frecuencias que poidan provocar un maior dano posible na cápside. Espérase que esta información permita deseñar e construír un dispositivo emisor de radiofrecuencia ou de ultrasóns que sexa capaz de destruír totalmente, ou danar de forma irreparable, as cápsides dos virións.

No caso de que o proxecto se desenvolva tal e como esperan os investigadores, a construción dun prototipo e a súa fabricación posterior podería realizarse nun prazo «relativamente breve», apunta desde a UDC, e con « custos razoablemente baixos». O dispositivo podería usarse con fins profilácticos de forma inmediata para a desinfección de material inerte e de residuos biolóxicos contaminados.

Fontes: La Voz de Galicia Edición A Coruña, La Voz de Galicia Sociedade